O Día Internacional das Persoas con Diversidade celébrase cada 3 de decembro e desde OpenStreetMap queremos sinalar este día dicindo: “O noso obxectivo é ser o mellor mapa mundial para a accesibilidade”. OpenStreetMap é desde hai moito tempo un recurso para mapear e compartir datos abertos sobre características relacionadas coa diversidade funcional.
Preguntamos as persoas que forman parte da lista de correo sobre accesibilidade por que OpenStreetMap era tan útil.
Jean-Marie Favreau da Universidade Clermont Auvergne explicou:
O punto forte de OpenStreetMap é que permite a calquera persoa achegar datos de accesibilidade, xa sexan autoridades locais, asociacións de persoas usuarias ou colaboracións individuais. Ó ser un proxecto global, facilita o intercambio de observacións e aprendizaxes de como varían os equipos, hábitos e prácticas de accesibilidade en diferentes países. Finalmente, os datos son comúns e están xestionados por unha comunidade, polo que reflicten con maior precisión a realidade dos territorios que mapea.
Nick Bolton da Universidade de Washington engadiu:
Cando as persoas con diversidade buscan información nun mapa, atopan que falta moita sobre accesibilidade ou que non ten en conta as súas preferencias persoais. Nin as empresas nin as axencias gobernamentais están a crear de forma consistente datos de mapas peonís conectados e o suficientemente flexibles para satisfacer as diferentes preocupacións expresadas polas persoas con diversidade. OpenStreetMap é moi axeitado para cubrir este baleiro informativo xa que ten un modelo de datos flexible e extensible democraticamente, as persoas locais poden mapear sen esperar a que unha axencia ou empresa dedique recursos ou asuma responsabilidades e todos os datos son publicados e examinados inmediatamente polo público.
Estamos moi contentos de que OpenStreetMap satisfaga esta necesidade. Segue a ler para coñecer as aplicacións para persoas con diversidade, e as formas de contribuír ó mapa.
Aplicacións para a accesibilidade
Hai moitas aplicacións e proxectos de investigación para persoas con diversidade que utilizan OpenStreetMap para reunir e compartir datos sobre accesibilidade e para comunicar datos de xeito apropiado.
OUnha das aplicacións máis coñecidas para rastrear e compartir datos de accesibilidade é Wheelmap. Wheelmap axuda a atopar e etiquetar a accesibilidade para cadeira de rodas dos puntos de interese. Hai aplicación para Android e iPhone. Na actualidade están levando a un cabo unha importante campaña para mapear a accesibilidade dos locais de test da Covid-19. Svenja Heinecke compartiu máis sobre Wheelmap no Estado do Mapa 2018.
Os datos sobre as beirarrúas son críticos para a navegación accesible. OpenSidewalks céntrase no desenvolvemento de esquemas de etiquetaxe e ferramentas para recoller datos de accesibilidade das aceras, e o seu proxecto irmán AccessMap crea planos de rutas accesibles individualizados para persoas con problemas de mobilidade. Ambos son proxectos do Centro Taskar da Universidade de Washington. Este enfoque foi recoñecido pola comunidade italiana OpenStreetMap en Padua e Milán, coa contribución de persoas con diversidade, estudantes de secundaria e novas persoas cartógrafas.
E despois está a navegación en interiores. AccessbileMaps é un proxecto da Universidade Técnica de Dresden en colaboración co Instituto Tecnológico de Karlsruhe e está centrado na accesibilidade en interiores. Desenvolveron ferramentas para mapear edificios co esquema de Etiquetado Simple de Interiores, especialmente información de accesibilidade, e producen aplicacións empregando datos de interiores de OSM para persoas con diversidade funcional visual para organizar viaxes.
Despois, estes datos deben usarse de formas axeitadas e a creatividade e a innovación son inspiradoras.
O mapas táctiles axudan ás personas con diversidade visual a navegar polo seu contorno. Touch Mapper emprega impresión en 3D para crear mapas táctiles a partir dos datos de OSM.
Soundscape de Microsoft Research axuda ás persoas con diversidade visual a crear mellores mapas mentais dos seus arredores para a navegación. Usando audio para describir os lugares, poden explorar dunha forma máis natural e intuitiva e sentirse máis cómodas e conectadas en novos ambientes. A aplicación está construída sobre datos de OpenStreetMap.
O proxecto de investigación Compas da Universidade de Clermont Auvergne desenvolve ACTIVmap en asociación con outras persoas investigadoras académicas e do sector privado para construír mapas multimodais aproveitando a retroalimentación táctil, sonora e háptica para representar e interactuar coa información xeográfica.
Como podes axudar?
Por suposto, tamén podes engadir etiquetas relacionadas coa discapacidade cos editores habituais de OpenStreetMap como JOSM e iD e aplicacións móbiles como Vespucci, StreetComplete, OsmAND e Go Map!!.
A wiki OpenStreetMap ten unha guía completa de etiquetas útiles para as necesidades das persoas con diversidade. Aquí están só algúns dos tipos de funcións que se poden etiquetar en OpenStreetMap, moitas delas pódense engadir de xeito rápido e sinxelo con StreetComplete:
- Pavimento táctil (
tactile_paving=yes/no
) e mapas con información táctil (information=tactile_map
) - Prazas de aparcamento designadas (
amenity=parking_space
+access=no
+disabled=yes/designated
) - Sinais de tráfico con son (
traffic_signals:sound=yes/no
) - Información de accesibilidade para chanzos, como a presenza de pasamáns (
handrail:left/right/center=yes/no
), o número de chanzos (step_count=*
) así como a existencia dunha rampa (ramp=yes/no
) e o tipo - Accesibilidade para cadeiras de rodas en tendas e outros servizos (
wheelchair=yes/limited/no
) como baños (toilets:wheelchair=yes/no
)
Hai moitas outras formas de axudar, documentedas no wiki. Por exemplo, promocionar OpenStreetMap con amizades que teñen algunha diversidade e preguntar como OSM podería axudarlles. É posible tamén organizar unha festa de mapeo centrada neste tipo de funcións, traducir as nosas páxinas wiki sobre discapacidade a outros idiomas ou crear novas aplicacións de navegación para persoas con discapacidade.
O sistema de etiquetaxe de forma libre de OSM sempre está en evolución. Se hai algo que cres que debería estar mapeado en OSM, pero non o está, podes axudar a orientar ese proceso cara a unha edición máis ampla.
Únete
Fainos saber como estás a contribuír. Conecta coa comunidade e únete á lista en https://lists.openstreetmap.org/listinfo/accessibility ou enviando unha mensaxe a accessibility-subscribe@openstreetmap.org.
Queres traducir este e outros artigos á túa lingua? Envía un correo electrónico a communication@osmfoundation.org co asunto: Helping with translations in [a túa lingua]
A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap posúe e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap, está financiada con cotas e doazóns e organiza de forma anual a conferencia internacional do Estado do Mapa. Non ten empregados a xornada completa e apoia o proxecto OpenStreetMap a través dos nosos grupos de traballo. Por favor, considera facerte membro da Fundación.
OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todo o mundo e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os teus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.
This post is also available in: Inglés Neerlandés Francés Italiano Español Ucraíno Polaco Korean