por Craig Allan
OpenStreetMap solicitou e foi admitido como Ben público dixital pola Alianza para os Bens públicos dixitais (DPGA, polas súas siglas en inglés), unha iniciativa de varias organizacións avalada polas Nacións Unidas. A designación é un paso importante para asegurarse de que OpenStreetMap sexa recoñecido polo seu papel positivo no desenvolvemento económico global.
Que son os Bens públicos?
O concepto de “ben públicos” foi creada por economistas para describir cousas que son gratuítas, inesgotables e non competitivas. O sol é un bo exemplo: non custa nada, nunca se esgota e se a túa veciñanza o usa moito, o teu propio abastecemento non se ve diminuído en absoluto.
Igual que a luz do Sol, os datos de OSM son gratuítos, podes usalos tanto como queiras e, aínda que a túa veciñanza tamén os use moito, o teu propio suministro non se esgota. Ten en conta que os datos son un ben público, non os servidores: os nosos servidores non son gratuítos e son un recurso limitado.
Facer do mundo un lugar mellor
As Nacións Unidas convocaron un grupo de persoas expertas en 2019 para analizar a cooperación dixital en apoio ó desenvolvemento global. O seu informe “A era da interdependencia dixital” tiña cinco recomendacións principais. As cinco son excelentes propostas, pero a quinta é particularmente relevante para OSM xa que di que as Nacións Unidas deberían fomentar a cooperación dixital mundial. O texto exacto é:
“Os bens públicos dixitais son esenciais para liberar todo o potencial das tecnoloxías e datos dixitais para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en particular para os países de renda media e baixa”.
Isto significa que as Nacións Unidas están a promover o uso de software libre e de datos abertos como ferramenta para os países de ingresos medios e baixos e permitirlles avanzar e cumprir os obxectivos de desenvolvemento acordados polas Nacións Unidas. Esta promoción é especialmente importante porque os datos gratuítos combinan ben co software libre e poden ser amplamente utilizados ata polos gobernos menos desenvolvidos. Ademais, os datos e aplicacións gratuítas permiten ós gobernos avanzar no seu desenvolvemento sen desviar os escasos recursos para pagar as taxas de licenza ás empresas de países ricos.
A ONU creou entón a Alianza de Bens públicos dixitais como axencia de execución desta quinta proposta, co mandato de avanzar no desenvolvemento e uso de bens públicos dixitais para o desenvolvemento.
A DPGA creou un rexistro de sistemas abertos aprobados, aplicacións abertas e datos abertos ó que todos poden acceder para o avance do desenvolvemento global.
Por que é importante para OSM?
OSM é unha forza grande pero nalgúns aspectos non recoñecida no desenvolvemento global. Subxace en moitos esforzos humanitarios, apoia a investigación académica de moitas especializacións diferentes e é un compoñente de gran parte do desenvolvemento de software, especialmente en aplicacións xeográficas e de navegación. Os datos OSM tamén son xa amplamente utilizados polas axencias das Nacións Unidas, as ONG internacionais e por gobernos a todos os niveis e de todo o mundo.
Ó rexistrarse formalmente na DPGA, o movemento OSM gañou agora máis lexitimidade e un perfil de relevo internacional vinculado ó avance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. En palabras máis sinxelas, e isto é algo que a maioría de nós sabiamos desde sempre: a ONU pensa que OSM é unha excelente ferramenta para facer do mundo un lugar mellor para todos.
Este rexistro potencia a lexitimidade e o perfil de OSM e os seus socios e crea novas oportunidades. Unha área importante reside no ambiente de traballo gobernamental. O status de OSM como Ben público podería usarse para abrir portas e promover un maior uso de OSM por parte das organizacións gobernamentais a nivel nacional, rexional e local. Isto podería darlle a OSM a oportunidade de acceder ós datos en poder do goberno e/ou ós fondos gobernamentais para impulsar a nosa comunidade de cartografía e/ou a unha serie de recursos para reforzar os nosos sistemas de entrega, beneficiando a todo o mundo.
(Ten en conta que a Fundación OSM aínda non desenvolveu unha estratexia para fomentar e facilitar o uso de OSM nos espazos gobernamentais; esta aínda está en fase de idea).
O impulso ó perfil e a lexitimidade de OSM e as persoas e institucións socias tamén pode axudarnos a defender o investimento filantrópico en OSM.
Un último pensamento irónico sobre as posibilidades desta oportunidade é que OSM foi creado orixinalmente por Steve Coast como resposta ós controis na cartografía gobernamental. Sería moi satisfactorio que a cartografía gratuíta e aberta medrara para ser a base de gran parte da cartografía gobernamental.
This post is also available in: Inglés Francés Xaponés Español Arabic