O lanzamento da Fundación Overture Maps é un desenvolvemento significativo no mundo dos datos abertos de mapas. Quen fundou Overture son líderes influentes da industria tecnolóxica e comprometeron moitos recursos. Aínda que moitos detalles de Overture seguen sen estar claros, a Fundación OpenStreetMap está interesada en comprender mellor o proxecto. No mellor escenario, OpenStreetMap beneficiaríase dos avances de Overture no desenvolvemento de software, dos datos e do financiamento. Non obstante, tamén recoñecemos os riscos e seguiremos desenvolvendo a nosa capacidade para facer medrar a comunidade e financiar a nosa infraestrutura e o desenvolvemento futuro.
Os datos de OpenStreetMap están dispoñibles para que os utilice calquera, desde creadores e creadoras de mapas afeccionados ata corporacións globais, e animamos a Overture a que faga o mesmo, seguindo as expectativas da nosa comunidade e os termos de licenza. Os problemas técnicos que aborda Overture, como os controis de calidade, a integración de datos e o aliñamento dos esquemas, son valiosos para calquera provedor de datos de mapas. Sabemos que os consumidores de datos estiveron traballando illados nestes desafíos durante demasiado tempo e, ao sacar estes problemas ao ámbito común e as ferramentas de fonte aberta, todos podemos beneficiarnos.
Despois do anuncio, tivemos conversacións informais con algunhas persoas implicadas en Overture para facer preguntas e aprender máis. En particular, preguntamos sobre como se solapa o traballo de Overture co de OpenStreetMap e cal será a futura participación das empresas membros en OpenStreetMap. As respostas foron útiles, aínda que quedan moitas preguntas. Animamos a Overture a interactuar coa nosa comunidade e a compartir os seus plans publicamente. Compartiremos aquí algúns puntos que foron discutidos de xeito informal.
Sempre que se falou se fixo fincapé en que Overture non ten a intención de substituír ou bifurcar OpenStreetMap. Ven o traballo como complementario. As empresas individuais esperan seguir traballando directamente con OpenStreetMap, e incluso poden aumentar a súa participación, incluídas as achegas financeiras. As edicións de mapas adecuadas para OpenStreetMap deberían ir a OpenStreetMap. Este compromiso declarado co traballo e a comunidade de OpenStreetMap tamén suxire que as empresas e a Fundación Linux están a bordo para apoiar financeiramente a OpenStreetMap. Overture uniuse cun pequeno grupo, e a intención é medrare traballar moitos detalles. Agradecen a participación de OpenStreetMap na forma que teña máis sentido.
A comunidade OpenStreetMap ten unha ampla experiencia e coñecemento no traballo coas realidades diversas e complexas dos datos xeográficos e compilalos nun conxunto de datos global unificado. Este coñecemento pode ser apoiado pero non substituído por enfoques automatizados. Cremos firmemente que o noso enfoque de recollida de datos impulsado pola comunidade seguirá a ser fundamental para calquera mapa global. A misión da Fundación OpenStreetMap (OSMF) de apoiar o crecemento e desenvolvemento da comunidade OSM é máis importante ca nunca.
Animamos a Overture a relacionarse coa Fundación e a comunidade OpenStreetMap, e facernos parte da discusión estratéxica de Overture de forma holística. A través dun bo compromiso, podemos identificar áreas para colaborar e aportar melloras ao núcleo de OpenStreetMap, en lugar de crear esforzos duplicados ou competidores. Os recursos que os fundadores de Overture están a investir no proxecto, e o seu compromiso declarado co traballo e a comunidade de OpenStreetMap, amosan o valor que dan aos bos mapas e o potencial para apoiar melloras nas áreas fundamentais da misión de OpenStreetMap. Damos a benvida a Overture para discutir co Consello da OSMF e explorar as mellores formas de facilitar a comunicación continua, a toma de decisións, a colaboración e o apoio.
This post is also available in: Inglés Italiano Xaponés Español Ucraíno Korean Arabic