Se tiveches a sorte de asistir a unha conferencia sobre o Estado do Mapa (State of the Map, ou SotM, polas súas siglas en inglés), xa sabes que ofrecen algúns dos mellores coñecementos, habilidades e formación de SIX e xeoespaciais dispoñibles, ademais de ser un evento de networking fantástico con moito tempo social divertido e atractivo. Se acabas de chegar á comunidade de OpenStreetMap e aínda non asistiches a un SotM ou formas parte dunha empresa que está pensando en patrocinar un SotM, ademais de poder enviar un grupo como asistentes, esta publicación é para ti.
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/sotmUS-photo-1.jpg)
Que é un SotM?
OSM organiza reunións anuais sobre o Estado do Mapa como unha forma de construír comunidade, compartir ferramentas e investigacións e establecer redes entre a comunidade co obxectivo de mellorar o mapa. Hainos de todos os tamaños e organízanse a nivel local, rexional e global, pero o obxectivo é sempre o mesmo: reunirse para falar de investigacións, ferramentas, iniciativas e outros temas comunitarios sobre a elaboración de mapas. Os SotM locais e rexionais están organizados polas comunidades locais e o SotM global está organizado pola Fundación OSM.
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/FOSS4G_2023_Logo_Colour-2.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SotM_Africa_2023_Winning_Logo_01.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SOTM_Blue_full_logo_black.d1b5bcd8-1024x546.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SotM-Asia-Bangkok-1024x1024.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/State_of_the_Map_US_2023_logo_green.svg_.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/sotm-1024x638.jpeg)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SOTM_Tanzania-2023_SELECTED-LOGO-1-658x1024.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/600px-State_of_the_Map_France_2023_logo.svg_.png)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/State-of-the-Map-Logo-Nig-PhotoRoom-300x255-2.png)
As conferencias do Estado do Mapa constrúen pontes entre as e os cartografadores de OSM e os activistas comunitarios, as desenvolvedoras de código aberto, o persoal investigador de universidades e institucións académicas, deseñadores, cartógrafas, así como profesionais da tecnoloxía de empresas privadas e institucións públicas.
Que tipos de temas se tratan?
A gama de temas é tan diversa como a comunidade. Os tipos de presentacións van desde “charlas lóstrego” de 5 minutos ou presentacións de 15-20 minutos ata obradoiros de 75 minutos. Abarca temas como o desenvolvemento de plataformas e ferramentas, a análise de datos, a cartografía humanitaria e moitos outros. As persoas que presentan están afiliadas a comunidades locais, a Youthmappers, a HOTOSM, a maplibre, a FOSS4G, á academia ou a outras organizacións sen ánimo de lucro e pequenas e grandes empresas.
O SotM global de 2022 de Florencia, Italia, ofrece un bo exemplo da gama de información e habilidades que están representadas nun SotM. Aquí tes só algúns dos títulos daquelas sesións: “OSM Carto como teselas Vector: innovando en conxuntos de datos derivados de OpenStreetMap”, “Cartografando unha pequena cidade”, “maplibre-rs: representación de mapas multiplataforma usando Rust”, “Dez anos de iD Editor: o camiño por diante” ou “O liderado das mulleres no mapeo de comunidades ribereñas da selva amazónica empregando OSM”.
Estes exemplos apenas raspan a superficie. Aquí tes o programa completo e aquí as gravacións das presentacións. Aquí está tamén a exposición de carteis: si, incluso as paredes do SotM de 2022 eran educativas. E aquí tedes un resumo do expediente académico.
Entón, como podes ver, un SotM ofrece inspiración e coñecemento para quen teña interese no futuro da tecnoloxía xeoespacial, OpenStreetmap e software e datos de código aberto e gratuíto.
A comunidade OpenStreetMap pasa os 365 días do ano construíndo xuntos o mellor mapa do mundo. O Estado do Mapa dos EUA é a oportunidade de pasar uns días, en persoa, construíndo a mellor comunidade. O evento é único en xeo, xa que atrae tanta diversidade de temas e asistentes. A industria privada, as persoas afeccionadas de forma individual, a academia e mesmo o goberno únense para conectarse, innovar e aprender do resto.
–Maggie Cawley, directora executiva, OSM-EUA
Por que é importante patrocinar conferencias sobre o Estado do Mapa?
Hai moitas boas razóns!
- A experiencia compartida en todos os SotM contribúe directamente á calidade de OpenStreetMap.
- É o correcto; as empresas que se benefician de OSM deberían apoiar a comunidade e atribuír os datos. As doazóns ó proxecto a través da OSMF, o patrocinio de SotMs, a converterse nun membro corporativo e o intercambio de ferramentas e datos son boas formas de devolver.
- É unha excelente oportunidade de contratación. Onde máis podes atopar moitas das mellores mentes en SIX e xeoespaciais nun só lugar?
- É unha excelente oportunidade de desenvolvemento profesional. Conectarás con outras empresas que traballan en OSM, aprenderás doutras enxeñeiras e analistas e inspirarás decenas de novas ferramentas e proxectos interesantes.
- Desenvolve a conciencia da marca a través da responsabilidade social corporativa. É ben sabido que os clientes son máis fieis ás empresas que invisten en crear un mundo mellor.
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SotM-Asia-1024x683.jpeg)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SOTMFR-1024x768.jpeg)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SotM-US-2.jpg)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/Firenze-photo-1024x771.jpg)
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/Sotm-Africa-1024x768.webp)
Hai demasiados SotM para representalos todos aquí, pero aquí tes algúns exemplos recentes.
Como podo apoiar un SotM en 2023?
Hai catro grandes SotM rexionais que están por chegar e todos eles necesitan patrocinadores.
FOSS4G Oceanía
Aukland, 16-20 de outubro de 2023: folleto de patrocinio
Esta conferencia fusiona FOSS4G e SotM nunha soa conferencia para centrar os esforzos xeoespaciais de código aberto de Oceanía. A conferencia ofrece ás persoas que mapean en Oceanía unha ligazón a comunidades globais de desenvolvedoras e usuarios e conta co apoio de OSGeo e da Fundación OpenStreetMap. As conferencias anteriores de FOSS4G SotM Oceania en Melbourne, Wellington e Suva foron un éxito rotundo:
- Melbourne e Wellington esgotáronse con máis de 250 asistentes en cada conferencia
- Asistentes de máis de 14 países de Oceanía e mesmo de Canadá, Reino Unido ou Estados Unidos
- Os asistentes incluían profesionais de GIS, desenvolvedoras, afeccionados, persoal que traballa no sector humanitario ou axencias gobernamentais
Estado do Mapa UE
Amberes, 10-12 de novembro de 2023: folleto de patrocinio
Esta conferencia ofrece unha oportunidade para que un grupo diverso de persoas se reúnan e intercambien coñecementos, experiencias e plans para desenvolver o uso e mellora de OSM. Espérase que participen preto de 400 asistentes de Europa e de todo o mundo. A conferencia ofrecerase como un evento híbrido, o que permitirá que participantes adicionais se unan a través da transmisión en directo se non poden unirse presencialmente.
“State of the Map é o lugar onde estás máis preto de sentir o latexo de todo o proxecto. O SotM internacional pode e debe viaxar polo mundo! Pero hai demasiados cartógrafos e usuarios de datos en Europa para que non haxa unha gran conferencia OpenStreetMap en Europa durante dous anos”.
–Joost Schouppe, OSM Bélxica, co-organizador de SotM EU 2023
Estado do Mapa Asia
Bangkok, 21-25 de novembro de 2023: folleto de patrocinio
Despois dun regreso exitoso o ano pasado en Filipinas, SotM Asia celébrarase este ano en Bangkok, Tailandia. Esperamos reunir entre 300 e 500 participantes de Asia e de fóra para conectarse e discutir non só OpenStreetMap e ferramentas, proxectos e desafíos de datos abertos, senón tamén mostrar as diversas culturas asiáticas.
![](https://staging.blog.openstreetmap.org/wp-content/uploads/2023/07/SOTM-Asia-2023Photo-Posts.png)
Estado do Mapa África
Camerún, 1-3 de decembro de 2023: folleto de patrocinio
OSM Africa é unha comunidade rexional de colaboradoras, usuarios e seguidores de OpenStreetMap de países do continente africano. Isto inclúe cartógrafos, investigadoras científicas ou humanitarias, ONG, axencias gobernamentais, pequenas empresas e tamén outras globais que realizan e/ou apoian traballos no continente. A rede ten como obxectivo facer crecer e producir un mapa completo e ben detallado de África en OpenStreetMap para avanzar na calidade, integridade e sustentabilidade dos datos xeoespaciais en África.
A publicación orixinal en inglés foi escrita por Courtney Williamson.